luns, 28 de xaneiro de 2019

INICIO DO PROGRAMA INTEGRADO "INSERAMES-BRIÓN XI"

O pasado 1 de novembro de 2018 deu comezo oficialmente o Programa Integrado Inserames-Brión XI. 

Terá unha duración de 12 meses, finalizando o 31 de outubro de 2019.

Seguindo a liña habitual de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión en materia de emprego, o Programa constitúe un referente nos últimos anos, acadando resultados de inserción sempre por riba dos obxectivos marcados pola normativa. É por iso, que os dous concellos volven a apostar pola presentación e execución conxunta do proxecto, ao abeiro da ORDE do 31 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2018. (DOG de 21 de xuño de 2018).

PARTICIPANTES
Nos meses de novembro e decembro estivemos levando a cabo o proceso de selección cos candidatos remitidos pola oficina de emprego, dos 100 participantes que se van a atender nesta edición, o que supón un incremento en 15 persoas respecto á edición anterior. Os requisitos que deben cumprir son: estar inscritos como demandantes de emprego e ser menores de 30 anos. Ademáis, o 75% deberán ter unha formación rematada máxima de Bacharelato, mentres que as restantes prazas poden estar cubertas por participantes con calquera titulación.

O obxectivo prioritario do Programa Integrado é que, co desenvolvemento das diferentes actividades que cada participante acorde realizar cos titores, mellore a súa empregabilidade para acadar un posto traballo o antes posible.

ACTIVIDADES
No mes de xaneiro de 2019 estamos facendo a primeira rolda de titorías de orientación (entrevistas de acollida e diagnóstico), na que imos coñecendo aos participantes, o seu perfil formativo e profesional, as súas expectativas, e establecendo dacordo con cada un, os primeiros pasos a dar no seu itinerario de inserción.

No próximo mes de febreiro, darán comezo os primeiros obradoiros de procura activa de emprego: Elaboración de CV  e busca de emprero por Internet, Entrevistas de traballo e procesos de selección e Competencias e habilidades para a procura de emprego.

As actividades a desenvolver no Programa son as seguintes:
  • Información, orientación e asesoramento
  • Titorías individuais para levar a cabo o Itinerario Personalizado de Inserción de cada participante, e dicir, asesoramento e acompañamento permanente no proceso de procura de emprego. 
  • Formación transversal – Novas tecnoloxías, idiomas, prevención de riscos, manipulador de alimentos, obradoiros para a busca activa de emprego, etc. 
  • Formación en habilidades sociais e coaching e motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea. 
  • Obradoiros de habilidades sociolaborais e de entrevistas
  • Fomento da capacidade emprendedora. 
  • Prospección empresarial. 
  • Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes
  • Formación para o emprego. 
  • Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas. 
  • Obradoiros sobre mobilidade laboral. 

Próximamente, informaremos das datas e horarios das primeiras actividades (obradoiros de procura de emprego, formación transversal...).

Empezamos...!!!