mércores, 27 de abril de 2016

O uso de Internet para a procura de emprego


O uso das novas tecnoloxías das comunicacións é algo cada vez máis estendido na nosa vida cotiá. A utilización de Internet, o correo electrónico, as redes sociais, as aplicacións móbiles, etc. forman parte do noso día a día e faise case imprescindible coñecer o seu funcionamento.


Ata fai non tantos anos a busca de emprego facíase do xeito tradicional: anuncios na prensa escrita, envío do currículum vitae en papel por correo, chamadas telefónicas...Pero co "boom" de Internet este panorama mudou radicalmente, debido a inmediatez e o aforro de custos que supón a realización deste proceso de xeito electrónico, permitindo ademáis novas funcionalidades que facilitan o proceso, tanto para o recrutador como para o candidato.


O CORREO ELECTRÓNICO
Actualmente, un currículum debe incluir unha conta de correo electrónico de contacto de xeito imprescindible, igual que facemos co nº de teléfono. Moitas empresas utilizarán esa vía para comunicarse con nos. 
Como candidatos, o correo electrónico utilizarémolo para o envío do noso CV e carta de presentación cando a oferta de emprego así o indique.
Tamén faise necesario ter unha conta de correo electrónico para darse de alta en páxinas web de procura de emprego, portais especializados, webs de empresas nas que poidamos inscribirnos ou "subir" o noso CV e outros servizos relacionados.

INTERNET COMO FONTE DE INFORMACIÓN
Internet é unha fonte inesgotable de información. É inmediata. A maior parte da información que precisemos podemos atopala na Web. Isto mesmo é aplicable á procura de emprego.
Pero para non comezar unha busca de emprego "aberta" e ilimitada, faise preciso saber qué buscar, cómo buscar e ónde buscar. Para centrar a nosa procura de emprego, debemos filtrar, ser metódicos e levar un control ou rexistro da mesma, onde reflictamos a información máis importante que se derive deste proceso: empresa, actividade, data de envío do cv, persoa de contacto, correo electrónico, páxina web...o que se denomina "axenda de busca de emprego".
En función do tipo de posto de traballo que estamos a buscar e do noso perfil profesional, poderemos "afinar" máis a procura: por sector, por categoría, por zona xeográfica, por tipo de contrato...
Chegaremos así a localizar a información máis axeitada para nos: empresas que podan necesitar o noso perfil na nosa zona de busca, ofertas actuais, portais de emprego específicos do sector, etc.
  
CANLES DE PROCURA DE EMPREGO POR INTERNET
Existen diferentes vías de busca de emprego a través de Internet. Podemos utilizar as que máis nos interesen, sempre axustándonos aos nosos obxectivos, tal e como indicabamos antes. Repasamos as canles máis habituais.


Portais de emprego - Trátase de páxinas web onde se conectan ofertas de emprego que insertan as empresas con candidatos rexistrados no portal. Cada candidato dase de alta cos seus datos persoais, formativos e profesionais, ademáis de incluir as súas preferencias en canto a tipo de posto de traballo, zona xeográfica, pretensións económicas, tipo de contrato, etc.
Podemos configurar o noso perfil para que nos cheguen as ofertas ao noso correo electrónico. Si algunha nos interesa, inscribímonos e logo podemos facer un seguimento do proceso.
Os portais de emprego máis importantes son: Infojobs, Infoempleo, Monster, Laboris, Indeed, etc.
Tamén existen portais de emprego especialiazados en sectores concretos: Hosteleo (ámbito hosteleiro), Tecnoempleo (ámbito tecnolóxico), etc.


Empresas de Traballo Temporal - As ETT son empresas que seleccionan e contratan traballadores para que estes presten os seus servizos nunha empresa "usuaria", normalmente de xeito puntual (para cubrir baixas, vacacións, puntas de traballo...). Actualmente, a maior parte delas permiten incluir o CV nas súas bases de datos a través das súas páxinas web, así como inscribirse nas ofertas de emprego que publican. As Empresas de Traballo Temporal máis importantes son: Adecco, Nortempo, Manpower, Flexiplan, Randstad, etc. Máis información na entrada do blog do pasado 27/01/16.

Consultoras de rrhh e selección de persoal. As axencias de colocación - Estas empresas levan a cabo procesos de selección de persoal para outras empresas. Os seus servizos habituais inclúen a captación de candidatos para elaborar unha base de datos dos perfiles que máis lles demanden. Moitas delas están especializadas: perfís técnicos, mandos intermedios e directivos, etc.
As empresas clientes encargan a realización dun proceso de selección para cubrir un posto cunhas características e unhas condicións determinadas. A consultora leva a cabo as distintas fases do proceso e presenta finalmente dous ou tres candidatos válidos á empresa, que será a que decida.
De igual xeito que as ETT, as consultoras normalmente dispoñen de páxina web na que os candidatos poden incluir os seus perfís e CV. Tamén utilizan o correo electrónico para a recepción dos CV e cartas de presentación e a comunicación co candidato.
Podemos incluir neste apartado as "axencias de colocación". Son entidades, públicas ou privadas, que ofrecen servizos como: asesoramento para o emprego, intermediación laboral, orientación, plans de formación, selección de personal, etc. Facilitan a inscrición na súa base de datos aos demandantes de emprego. 

Prensa - Ata fai uns anos, unha das canles principais para a procura de emprego foi a prensa escrita. Esta vía diminiu moito, principalmente pola crise económica (que reduciu moito as ofertas de emprego) e por outra banda, polo auxe dos medios dixitais.
Actualmente, a prensa dixital inclúe seccións específicas de anuncios de emprego, aínda que en moito menor medida.

Webs de empresas - Moitas empresas, sobre todo as máis importantes, dispoñen nas súas páxinas web dun apartado específico de emprego, onde normalmente publican ofertas ou vacantes que teñen nun momento dado. Os candidatos poden inscribirse e incluir o seu perfil, ou subir o seu cv, tanto para as ofertas existentes como para formar parte da base de datos para futuros procesos de selección.

Outros servizos de emprego - Neste apartado podemos incluir os servizos de emprego de institucións públicas, organizacións empresariais, sindicatos, universidades, etc.
O Servizo Público de Emprego de Galicia, ademáis de outros servizos para ofertantes e demandantes de emprego, publica no apartado correspondente da súa web ofertas de emprego que podemos consultar e mesmo inscribirnos nelas.
O SEPE ten na súa páxina web un apartado con ofertas de emprego que podemos consultar.
Do mesmo xeito, estarían as ofertas que publican as asociación de empresarios, as axencias de colocación e outras entidades. Nalgúns casos, publican boletíns periódicos cunha recopilación de ofertas. E outras publican ofertas nas que nos podemos inscribir previo rexistro. Algunhas delas:
Axencia Local de Colocación de Santiago - http://axencialocaldecolocacion.org/ofertas. Tamén publican un boletín semanal.
Confederación de Empresarios de Galicia - Boletín semanal que publica na súa web.
Cruz Vermella Santiago - Boletín que publican no seu Facebook

Mención aparte merecen as redes sociais. O seu uso para a procura de emprego e a diferenciación co uso persoal merecen un post específico, que deixamos para máis adiante.


luns, 21 de marzo de 2016

Formación do mes de marzo

Ao longo deste mes de marzo estamos a desenvolver os cursos de "Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería" e de "Operacións básicas de pisos en aloxamentos". 

A formación en "Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería" comezou xa o pasado 22 de febreiro, con 100 horas de formación teórico-práctica e 40 horas de prácticas non laborais.

Neste curso están a participar 13 alumnos e seu obxectivo é que aprendan a executar operacións auxiliares para a implantación e mantemento de xardíns, parques e zonas verdes, así como para a produción e mantemento de plantas en viveiros e centros de xardinería, seguindo instrucións de superiores ou plan de traballo, cumprindo coas medidas de prevención de riscos laborais, calidade e protección do medio ambiente. 
Para iso combinan a formación teórica en aula e as saídas ao propio medio onde desenvolven de xeito práctico estas actividades. 






 
Ao rematar a formación teórico-práctica, aqueles alumnos que superen este módulo terán a oportunidade de desenvolver os coñecementos adquiridos en empresas de xardinería e viveiros dos concellos participantes no programa ou dos concellos veciños, a través das prácticas profesionais non laborais.  

O curso de "Operacións básicas de pisos en aloxamentos", de 90 horas de formación teórica e 60 horas de prácticas non laborais. Comezou o 3 de marzo. Nel participan 7 alumnas, que están a realizar a formación teórica no Centro de Formación e a formación práctica en hoteis da zona, onde están a desenvolver os coñecementos adquiridos na aula. 
O obxectivo do curso é que as alumnas poidan realizar a limpeza e posta a punto de habitacións, zonas nobres e áreas comúns en distintos tipos de aloxamentos, conseguindo a calidade e aplicando as normas de seguridade e hixiene establecidas no sector profesional correspondente.

Ao remate da parte teórica, comezarán as prácticas profesionais non laborais en establecementos hoteleiros da contorna, onde realizarán 60 horas de prácticas, o que suporá unha oportunidade de inserción laboral de cara a campaña de verán. 




luns, 29 de febreiro de 2016

Formación 2016

Como vimos facendo ao longo do Programa Integrado, imos comentar a formación que se vai desenvolver nos meses restantes ata o final, no mes de agosto.

Seguiremos unha distribución similar en canto a tipos de cursos: transversais, profesionais específicos e obradoiros para a procura de emprego.

Obradoiros para a procura de emprego:


O pasado día 4 de febreiro impartimos o obradoiro de "Elaboración de CV. A busca de emprego por Internet". Os participantes practicaron a elaborar o seu propio currículum informatizado, crear unha carta de presentación, envialo a ofertas, darse de alta en portais de emprego, etc.

Na mesma liña, o 26 de febreiro fixemos o de "A entrevista de traballo. Os procesos de selección". Tamén tivo un carácter totalmente práctico, con simulacións de entrevistas, probas de selección, tests psicotécnicos, etc.

Obradoiro "Entrevistas de Traballo"
E para completar estes obradoiros, en marzo faremos o de "Marca persoal. Uso das redes sociais para a procura de emprego", no que veremos cómo utilizar as redes sociais a nivel profesional, e de xeito diferenciado do uso persoal. E, sobre todo, centrándonos nas redes sociais de carácter específicamente profesional (Linkedln, etc.)

Formación transversal:


No mes de abril faremos a 2ª edición do curso de "Comunicación e habilidades sociais. Coaching e técnicas de motivación para a busca de emprego", similar ao impartido no mes de decembro.


Tamén en abril dará comezo o curso de "Competencias clave", no que os participantes prepararán os exames que convoca a Xunta de Galicia para as competencias de Matemáticas, Lingua Galega, Lingua Castelá e Lingua estranxeira (Inglés), co obxectivo de poder acceder a cursos de Certificados de Profesionalidade de Nivel 2, no caso de non ter a ESO rematada.


Xa no mes de xullo, impartirase un curso de "Informática básica", de 25 horas de duración.


Formación específica de carácter profesional:

Nesta segunda fase de formación, están programados 3 cursos específicos de carácter profesional, que incorporan prácticas non laborais en empresas, unha vez rematada a formación teórico práctica. Son os seguintes:

- "Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería", de 100 horas de formación teórico-práctica e 40 horas de prácticas non laborais. Este curso xa deu comezo o pasado 22/02/16.

- "Operacións básicas de pisos en aloxamentos", de 90 horas de formación e 60 horas de prácticas non laborais. Comeza o 3 de marzo.
- "Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais", de 100 horas de formación e 70 horas de prácticas non laborais. Este curso está previsto impartilo ao longo do mes de maio.

Como complemento a esta formación específica, tamén se vai impartir o curso de "Manexo de plataforma elevadora", que homologará aos alumnos que os superen no manexo deste tipo e maquinaria dacordo a norma UNE 58923:2014.


luns, 1 de febreiro de 2016

Os Certificados de Profesionalidade

Nesta entrada tentaremos explicar de xeito claro qué son os Certificados de Profesionalidade, requisitos para acceder a eles, niveis, etc.

Qué son?

Os Certificados de Profesionalidade son un "instrumento de acreditación oficial para as cualificacións profesionais". Qué quere dicir isto? significa que acredita a un traballador/a nunha cualificación profesional do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais. Este catálogo "ordena as cualificacións profesionais susceptibles de recoñecemento e acreditación, identificadas no sistema produtivo en función das competencias apropiadas para el exercicio profesional. Comprende as cualificacións profesionais máis significativas do sistema produtivo español, organizadas en familias profesionais e niveis.". 

É dicir: o certificado de profesionalidade homologa a un traballador na realización das tarefas propias dunha profesión e cun nivel de especialización determinado.
Está dividido en 26 Familias Profesionais, que recollen as actividades profesionais máis representativas do sistema produtivo español, según criterios de afinidade coas ocupacións e postos de traballo detectados. Actualmente existen 664 cualificacións profesionais publicadas.
Dentro das Familias Profesionais hai 5 niveis de cualificación "dacordo ao grao de coñecemento, iniciativa, autonomía e responsabilidade preciso para realizar dita actividade laboral". Os niveis 1, 2 e 3 son os habituais, quedando os niveis 4 e 5 para actividades complexas, que esixen un alto grao de autonomía e responsabilidade, así como capacidade de dirección e xestión, organización e innovación.

Requisitos para acceder aos Certificados de Profesionalidade

Para poder cursar un certificado de profesionalidade hai que cumprir os requisitos de formación mínima necesaria, en función do nivel do certificado ao que se quere acceder, excepto no caso dos de Nivel 1, que non requiren ningunha titulación mínima.
Ditos requisitos serían os seguintes:
      Para nivel 1    Non hai requisitos

  • Para nivel 2    ESO ou titulacións equivalentes
  • Para nivel 3    Bacharelato o titulacións equivalentes
Podedes consultalos de xeito máis detallado no seguinte enlace.
Se non se cumplen os requisitos, existe a opción de acceder a través das probas de "Competencias clave", que convoca a Xunta de Galicia.

Convócanse normalmente unha vez ao ano, tanto para Nivel 2 como para Nivel 3. Constan de probas de avaliación nas materias de Lingua Castelá, Lingua Galega e Matemáticas. Tamén hai a de Lingua Estranxeira, para aquelas persoas interesadas en cursar un certificado que teña o módulo correspondente.

Estrutura dos Certificados de Profesionalidade

Un Certificado de Profesionalidade divídese en Unidades de Competencia, que desenvolven os seus contidos en Módulos Formativos. Cada Módulo Formativo, dívídese á súa vez en Unidades Formativas. Cada Unidade Formativa ten unha duración e uns contidos determinados. O conxunto de contidos das Unidades Formativas que compoñen un Módulo, forman os contidos do Módulo Formativo. E a suma do número de horas de duración das Unidades Formativas dun Módulo, será a duración total do Módulo.

                           
Unha característica fundamental dos Certificados de Profesionalidade é que pode acadarse a súa acreditación a través de diferentes vías e en diferentes momentos. Qué quere dicir isto? Pois por exemplo: nun certificado composto de 2 módulos, como no esquema anterior, pódese obter a acreditación do Módulo Formativo 1 (Unidade de Competencia 1) realizando o curso correspondente no ano 2016 nunha entidade homologada.
E realizar o Módulo Formativo 2 (Unidade de Competencia 2) un ano despois e noutra entidade homologada diferente.
Unha vez completemos os módulos que compoñen o Certificado, poderemos solicitar á Administración correspondente que nos expida o título oficial.

Outras vías para obter os Certificados de Profesionalidade: a Acreditación das Competencias Profesionais

Ademáis de poder obter unha homologación nun Certificado de Profesionalidade, a través da realización do curso ou cursos correspondentes, tamén existe outra vía, que é a de a "acreditación das competencias profesionais".
Esta vía xa a explicamos nunha entrada do blog do pasado 12/01/16 , que podedes revisar.



venres, 29 de xaneiro de 2016

Curso de Inglés Intermedio-Atención ao público


Hoxe rematamos o curso de Inglés Intermedio que comezara o pasado mércores 20 de xaneiro e que durou 40 horas. Neste curso, fíxose especial fincapé no módulo de Atención ao público, moi importante para todos aqueles participantes que se adican profesionalmente ao sector servizos.



Esta foi a primeira das accións formativas deste ano 2016, mais en breve publicaremos o resto da programación do período que vai ata a finalización do programa (agosto 2016), no que se combinará a formación específica para o emprego e a formación transversal, así como outra tipo de actividades.