xoves, 14 de xaneiro de 2016

Axudas do Programa para a Promoción do Emprego Autonómo 2015-2016

Cal é o obxectivo desta axuda? 

Promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais viables que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia

Quen pode solicitala? 

1.- As persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
  • Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016, ambos inclusive como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
  • Non estean inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (*).
  • Non percibisen subvencións ao abeiro dos distintos programas de promoción do emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
  • Non desenvolvesen como persoas  traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores.
2.- As persoas traballadoras autónomas  ou por conta propia poderán ser beneficiarios/as das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación,  sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

 Quedan excluídos deste programa, os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades  laborais e os autónomos colaboradores.

Cal é a contía das axudas? 
  • Subvención para iniciativas de autoemprego xuvenil.
Co obxecto de axudar as persoas mozas desempregadas ao inicio e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlles ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, poderá concedérselles unha subvención de 1.200 euros ás persoas menores de 30 anos na data da solicitude da axuda que soliciten a alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade profesional, desde o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de setembro de 2016. 
  • Subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia.
1. Poderáselle conceder á persoa desempregada, co obxecto de facilitarlle ingresos durante o inicio da actividade e posta en marcha da iniciativa empresarial ou profesional, unha subvención polo seu establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, sempre que acredite o requisito de realizar un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade por unha contía non inferior a 3.000 euros sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, e se realice no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores ao dito inicio, coa data límite, en todo caso, do 20 de decembro de 2016. No caso da persoa física que estea incluída no réxime especial de recargo de equivalencia, regulado nos artigos 148 e seguintes da Lei do IVE (Lei 37/1992, do 28 de decembro), o IVE non é susceptible de recuperación, polo que se deberá ter en conta para o cumprimento do requisito de investimento mínimo.

No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 3.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante da subvención terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.
 2. As contías desta subvención serán as seguintes:

- 5.000 euros persoas persoas desempregadas en xeral.

- 8.000 euros home desempregado con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social.

- 10.000 euros muller desempregada con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social.

No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, se entenderá solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditada na documentación achegada coa solicitude, e no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo se entenderá que se solicita polo colectivo A deste punto. 

FIN PRAZO DE SOLICITUDE: 29 de febreiro 2016 

Bases e convocatoria: Orde do 28 de decembro de 2015 (DOG 247, 29/12/2015): http://goo.gl/mNYct6

Descargar Anexos e presentar solicitude: https://goo.gl/Y9Dbdw

(*) Se estás inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, existe un programa específico de axudas para a posta en marcha de inciativas empresariais, que podes consultar no seguinte enlace: http://goo.gl/WwG8At

martes, 12 de xaneiro de 2016

Acreditación da experiencia profesional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, abre o prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e/ou a aprendizaxe non formal, dende onte, 11 de xaneiro, e ata o día 5 de febreiro. 

Cal e a finalidade?
A finalidade consiste en recoñecer e avaliar as competencias profesionais adquiridas polas persoas no desenvolvemento do seu traballo ou por outras vías non formais de formación, mediante procedementos que garantan a fiabilidade, a obxectividade e o rigor técnico da avaliación, así como acreditar as compentencias profesionais adquiridas polas persoas traballadoras e contribuír así á capitalización dos seus saberes e ao fomento da súa aprendizaxe ao longo da vida.
A acreditación de unidades de competencia farase sobre as unidades de competencia dos títulos de formación profesional vixentes.

Cales son os requisitos?
  • Posuír a nacionalidade española, dispor do certificado de rexistro de cidadanía comunitaria ou da tarxeta de familiar de cidadán da U. E., ou ser titular dunha autorización de residencia ou de residencia e traballo en España.
  • Ter 18 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición, para unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel I, e ter 20 anos para as unidades de competencia de nivel II e III.
  • Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar:
    - Experiencia laboral: xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos 10 anos, para unidades de competencia de nivel II e III. Para unidades de competencia de nivel I, xustificarán polo menos 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.
    - Formación: xustificar polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel I, ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis II e III, nos últimos 10 anos. Nos casos nos que os módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretenda acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas neste módulos.
  • As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nin cursando simultaneamente un curso de formación profesional inicial (ordinaria ou modular), nin para o emprego conducente á acreditación das unidades de competencia en que soliciten a súa inscrición. Tampouco poderán estar en posesión dun título de formación profesional ou dun certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/s de competencia que solicita. Tampouco estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento de experiencia profesional, ou probas libres para a obtención do título de FP.
  • As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa e non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presentaran a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación.
Cales son as familias profesionais obxecto de convocatoria?
- Administración e xestión
- Agraria
- Edificación e obra civil
- Electricidade e electrónica
- Fabricación mecánica
- Hostalería e turismo
- Imaxe persoal
- Industrias alimentarias
- Informática e comunicacións
- Instalación e mantemento
- Madeira, moble e cortiza
- Química
- Sanidade
- Servizos socioculturais e á comunidade
- Transporte e mantemente de vehículos


Se tes algunha dúbida chámanos para concertar unha titoría e asesorarémoste en todo o proceso de acreditación!!!

Mais info: http://www.edu.xunta.es/fp/convocatoria-2016-acreditacion

 

martes, 29 de decembro de 2015

Charla sobre a preparación das Competencias Clave

E para despedir o ano, esta mañá, Sandra Pedrares, da empresa AMES FORMACION, impartiu unha pequena charla sobre o siginificado das competencias clave, para que habilitan, cales son os requisitos de acceso, os tipos de probas que se realizan, ... 

 En definitiva, o obxectivo da charla foi aclarar moitas dúbidas acerca das competencias clave e súa diferenza coa formación regrada, dos certificados de profesionalidades, e motivar aos alumnos e alumnas para que se presenten á convocatoria deste ano das competencias clave de Nivel 2, a través do curso preparatorio que realizaremos no marco do Programa InserAmes Brión VIII, de cara os meses de marzo e abril, dependendo da data oficial do exame da Xunta de Galicia. 



Se precisas mais información sobre as Competencias Clave podes consultar o seguinte enlace: 

Iremos informando ao longo do 2016 sobre a convocatoria e as datas do curso preparatorio que imos poñer en marcha.

luns, 21 de decembro de 2015

Formación en decembro

Xa estamos en decembro, e seguimos coa programación de cursos correspondentes 2015.

Neste final de ano os cursos que se están a realizar son os seguintes:

- "Técnicas básicas de produción téxtil: ensamblaxe de prendas de vestir": este curso, xa iniciado en novembro, continúa coa formación teórico-práctica, parte da cal xa se desenvolve na empresa TEXDOBRA, S.L. No mes de xaneiro de 2016 darán comezo as prácticas non laborais na mesma empresa.

- O pasado día 3, impartiuse unha nova edición do curso de "Manipulador de alimentos", homologado según a normativa vixente.

- Do 9 ao 18 levouse a cabo o de "Inglés básico", no que se iniciou aos participantes na lingua inglesa. Este curso terá unha contiuación co de "Inglés intermedio: atención ao público", que se levará a cabo no mes de xaneiro.

- Por último, deu comezo "Prevención de riscos laborais. Nivel básico", tamén homologado. Este curso impártese en modalidade mixta, con dúas sesións presenciais (o día de inicio e o día de remate), facendo o resto os alumnos por teleformación a través dunha plataforma web, ou ben a distancia, con material didáctico que se lles facilita ao principio do curso.

xoves, 17 de decembro de 2015

As Prácticas Non Laborais no Programa Integrado

Qué son as Prácticas Non Laborais?

Ao longo das anteriores edicións do Programa Integrado para o Emprego Inserames-Brión, unha das actividades que se amosou como máis efectiva na consecución dos obxectivos de inserción, foi a realización de prácticas non laborais nos centros de traballo.

As prácticas son un complemento fundamental nos cursos de formación específica de carácter profesional, xa que é o momento no que os alumnos poden poñer en práctica o aprendido na parte formativa.
Por outra banda, constitúen un contacto directo co mundo laboral (o primeiro para moitos deles), o que lles da unha visión real dos diferentes aspectos do mesmo: desempeño das tarefas, relación cos compañeiros, relación cos superiores, cumprimento de obrigas (puntualidade, seguridade no traballo...)
Pola banda das empresas, as prácticas facilitan o coñecemento no posto de traballo de potenciais candidatos para unha futura contratación, cunha referencia directa do seu desempeño, responsabilidade, actitude e aptitudes. 


As Prácticas Non Laborais no Inserames-Brión VIII

Atopámonos a metade de decembro e estamos rematando a primeira fase de formación e prácticas no Programa Integrado.

Como xa contabamos na entrada anterior, neste mes estanse a desenvolver as prácticas non laborais, tanto do curso de "Operacións auxiliares de almacén" como do de "Operacións auxiliares de comercio".

As correspondentes ao curso de "Operacións auxiliares de comercio", xa remataron a principios de mes. Completaron o seu período de prácticas (60 horas) un total de 15 alumnos, que desenvolveron a actividade en centros de traballo de dous sectores: supermercados/hipermercados e comercio téxtil. Colaboraron un total de 5 empresas en 7 centros de traballo diferentes.

En xeral, a experiencia foi positiva. De feito, a partires das prácticas producíronse dúas insercións: a dous dos participantes as empresas fixéronlle contratos laborais para os próximos meses. 

Por outra banda, estanse a desenvolver as prácticas non laborais do curso de "Operacións auxiliares de almacén", cunha duración de 80 horas.
Neste caso están a realiza-las prácticas 17 alumnos. Desenvólvenas distribuídos en 6 empresas dos sectores seguintes: supermercados/hipermercados, comercio téxtil, bricolaxe e industria láctea.

Polo tanto, ao longo deste primeiro bloque de cursos, terán pasado por diferentes empresas e sectores un total de 32 alumnos coa realización de prácticas, completando unha formación teórico-práctica previa. Esta experiencia, aínda que "non laboral" (non implica contrato nin salario) como se indica sempre, xa a poden incorporar ao itinerario que están a realizar no Programa, así como ao seu Currículum Vitae, para posteriormente levar a cabo unha busca activa de emprego.

Co próximo remate das prácticas destes primeiros cursos, e ao achegarse as datas de especial carga de actividade polo Nadal e a continuación as rebaixas de Xaneiro, dende o Programa confiamos en que algún dos alumnos teñan continuidade e consigan un contrato de traballo.

E nos seguiremos traballando no 2016 para que todos melloren a súa empregabilidade.