Amosando publicacións coa etiqueta inserción laboral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta inserción laboral. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de decembro de 2016

Resumo de actividade do 2016

Como xa fumos contando, dende o pasado 1 de setembro estamos a levar a cabo a IX edición do Programa Integrado para o Emprego “Inserames Brión”. Nesta ocasión aténdese a SESENTA participantes dos concellos de Ames e Brión, desempregados e menores de 30 anos.
Neste mes de decembro, están rematando as actividades correspondentes ao período de 2016, iniciadas no pasado mes de setembro.
A partires de xaneiro de 2017 e ata o 31/08/17 (data de finalización do Programa), continuarase traballando cos participantes no seu Itinerario Personalizado de Emprego.

O obxectivo principal do Programa é a inserción laboral dos participantes ou, cando menos, mellorar a súa empregabilidade, a través da realización de diversos tipos de accións, adaptando o seu “itinerario” en función do seu perfil individual e as súas expectativas. O Programa parte cun obxectivo de inserción do 40% sobre o total dos participantes.
Neste momento, 17 participantes xa tiveron contratos por conta allea, dos cales 15 seguen traballando. Ademáis houbo 1 alta no réxime especial de traballadores autónomos. Polo tanto, na data de hoxe a porcentaxe de inserción acada xa o 27%.
Estas cifras, aínda que referidas tan só aos primeiros 3 meses de actividade, reflicten o potencial do Programa como ferramenta para axudar a atopar traballo aos participantes no mesmo, cunha combinación de actividades que se amosan como efectivas no seu itinerario personalizado de inserción. O deseño individualizado do itinerario de cada alumno e o seguimento e adaptación permanente fan que se incrementen considerablemente as posibilidades de atopar emprego.

As actividades que se están a levar a cabo nestes primeiros meses son:
- Titorías individuais: Asesoramento para a procura de emprego
- Formación transversal: Inglés básico, Comunicación e habilidades sociais. Coaching e técnicas de motivación para a busca de emprego, Elaboración do CV e procura de emprego por Internet (2 edicións)
- Formación homologada: Manexo de maquinaria (carretilla elevadora, retráctil, etc.)...
Formación específica para o emprego: Operacións auxiliares de almacén e Operacións auxiliares de comercio .

Manexo de maquinaria

Coaching e técnicas de motivación

Elaboración de CV


- Prácticas Non Laborais: Prácticas en empresas e centros de traballo como complemento dos cursos de formación específica. Neste mes están a realizar as prácticas correspondentes aos cursos de Almacén e Comercio un total de 14 alumnos distribuídos en 12 empresas.
- Autoemprego: asesoramento e formación para o autoemprego.
- Prospección de empresas, para detectar sectores e empresas con potenciais necesidades de contratación de perfiles profesionais incluídos entre os participantes do Programa.
- Intermediación laboral, entre as empresas e os participantes.

Como novidade nesta edición, estamos a poñer en marcha unha plataforma de formación on line, o que permitirá a partires do mes de xaneiro a realización de cursos de moi diversa temática.
A formación on line incorpórase cun dobre obxectivo: por unha banda, para potenciar a inmersión dos participantes nas novas tecnoloxías. E por outra, para facilitar a realización de actividades, en particular aos alumnos que presentan problemas de horarios para a asistencia presencial (problemas de conciliación, razóns de saúde, etc.)

Próximamente avanzaremos as actividades previstas para os primeiros meses de 2017