Amosando publicacións coa etiqueta prácticas non laborais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta prácticas non laborais. Amosar todas as publicacións

luns, 28 de xaneiro de 2019

INICIO DO PROGRAMA INTEGRADO "INSERAMES-BRIÓN XI"

O pasado 1 de novembro de 2018 deu comezo oficialmente o Programa Integrado Inserames-Brión XI. 

Terá unha duración de 12 meses, finalizando o 31 de outubro de 2019.

Seguindo a liña habitual de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión en materia de emprego, o Programa constitúe un referente nos últimos anos, acadando resultados de inserción sempre por riba dos obxectivos marcados pola normativa. É por iso, que os dous concellos volven a apostar pola presentación e execución conxunta do proxecto, ao abeiro da ORDE do 31 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2018. (DOG de 21 de xuño de 2018).

PARTICIPANTES
Nos meses de novembro e decembro estivemos levando a cabo o proceso de selección cos candidatos remitidos pola oficina de emprego, dos 100 participantes que se van a atender nesta edición, o que supón un incremento en 15 persoas respecto á edición anterior. Os requisitos que deben cumprir son: estar inscritos como demandantes de emprego e ser menores de 30 anos. Ademáis, o 75% deberán ter unha formación rematada máxima de Bacharelato, mentres que as restantes prazas poden estar cubertas por participantes con calquera titulación.

O obxectivo prioritario do Programa Integrado é que, co desenvolvemento das diferentes actividades que cada participante acorde realizar cos titores, mellore a súa empregabilidade para acadar un posto traballo o antes posible.

ACTIVIDADES
No mes de xaneiro de 2019 estamos facendo a primeira rolda de titorías de orientación (entrevistas de acollida e diagnóstico), na que imos coñecendo aos participantes, o seu perfil formativo e profesional, as súas expectativas, e establecendo dacordo con cada un, os primeiros pasos a dar no seu itinerario de inserción.

No próximo mes de febreiro, darán comezo os primeiros obradoiros de procura activa de emprego: Elaboración de CV  e busca de emprero por Internet, Entrevistas de traballo e procesos de selección e Competencias e habilidades para a procura de emprego.

As actividades a desenvolver no Programa son as seguintes:
  • Información, orientación e asesoramento. 
  • Titorías individuais para levar a cabo o Itinerario Personalizado de Inserción de cada participante, e dicir, asesoramento e acompañamento permanente no proceso de procura de emprego. 
  • Formación transversal – Novas tecnoloxías, idiomas, prevención de riscos, manipulador de alimentos, obradoiros para a busca activa de emprego, etc. 
  • Formación en habilidades sociais e coaching e motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea. 
  • Obradoiros de habilidades sociolaborais e de entrevistas. 
  • Fomento da capacidade emprendedora. 
  • Prospección empresarial. 
  • Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes. 
  • Formación para o emprego. 
  • Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas. 
  • Obradoiros sobre mobilidade laboral. 

Próximamente, informaremos das datas e horarios das primeiras actividades (obradoiros de procura de emprego, formación transversal...).

Empezamos...!!!


martes, 20 de xuño de 2017

Resumo de actividade do Programa

O Programa Integrado InserAmes Brión IX, atópase xa na última fase de actividade, na que intensificaremos a prospección de empresas e a intermediación laboral co tecido empresarial da nosa contorna para acadar a maior inserción laboral posible dos participantes, obxectivo principal do Programa. 
A día de hoxe levamos acadada unha inserción de mais do 50% (por encima do obxectivo fixado inicialmente do 40%), é dicir, 31 mozos participantes están a traballar neste momento, ou ben tiveron unha oportunidade laboral desde que se iniciou o programa no pasado mes de setembro.

En canto á actividade formativa, nos últimos meses, desenvolvéronse no Centro de Formación e Emprego do Concello os cursos de "Manexo de Plataforma Elevadora Móbil de Personal-PEMP", cunha duración de 20 horas, o curso de "Monitor de transporte e comedor escolar" (60 horas teóricas e 20 horas prácticas), e o de "Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais" (80 horas de formación e 50 horas prácticas).















No próximo mes de xullo terá lugar o curso de "Inglés Medio", orientado á atención ao cliente, cunha duración de 40 horas.  

Este mes, ademais, remataron as prácticas non laborais dos cursos de "Monitor de comedor escolar" e de "Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais". 
No primeiro caso, as sete alumnas fixeron as súas prácticas nos comedores escolares dos colexios e garderías dos centros públicos situados no Concello de Ames. 
No caso do curso de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, un total de 9 alumnos/as veñen de facer as súas estancias de prácticas en diferentes empresas da nosa contorna. 
As prácticas non laborais son unha das actividades máis importantes do Programa, xa que supoñen un achegamento á realidade empresarial e laboral para os mozos/as desempregados/as. A través da estadía nas empresas poden poñer en práctica os coñecementos acadados coa formación teórica e achegarse ao entorno de traballo dun xeito real. As prácticas, en moitos casos, supoñen para eles unha oportunidade de inserción laboral que doutro xeito non se acadaría, xa que hai moitas ofertas que xa non chegan a ser publicitadas no mercado de traballo. 




xoves, 15 de decembro de 2016

Resumo de actividade do 2016

Como xa fumos contando, dende o pasado 1 de setembro estamos a levar a cabo a IX edición do Programa Integrado para o Emprego “Inserames Brión”. Nesta ocasión aténdese a SESENTA participantes dos concellos de Ames e Brión, desempregados e menores de 30 anos.
Neste mes de decembro, están rematando as actividades correspondentes ao período de 2016, iniciadas no pasado mes de setembro.
A partires de xaneiro de 2017 e ata o 31/08/17 (data de finalización do Programa), continuarase traballando cos participantes no seu Itinerario Personalizado de Emprego.

O obxectivo principal do Programa é a inserción laboral dos participantes ou, cando menos, mellorar a súa empregabilidade, a través da realización de diversos tipos de accións, adaptando o seu “itinerario” en función do seu perfil individual e as súas expectativas. O Programa parte cun obxectivo de inserción do 40% sobre o total dos participantes.
Neste momento, 17 participantes xa tiveron contratos por conta allea, dos cales 15 seguen traballando. Ademáis houbo 1 alta no réxime especial de traballadores autónomos. Polo tanto, na data de hoxe a porcentaxe de inserción acada xa o 27%.
Estas cifras, aínda que referidas tan só aos primeiros 3 meses de actividade, reflicten o potencial do Programa como ferramenta para axudar a atopar traballo aos participantes no mesmo, cunha combinación de actividades que se amosan como efectivas no seu itinerario personalizado de inserción. O deseño individualizado do itinerario de cada alumno e o seguimento e adaptación permanente fan que se incrementen considerablemente as posibilidades de atopar emprego.

As actividades que se están a levar a cabo nestes primeiros meses son:
- Titorías individuais: Asesoramento para a procura de emprego
- Formación transversal: Inglés básico, Comunicación e habilidades sociais. Coaching e técnicas de motivación para a busca de emprego, Elaboración do CV e procura de emprego por Internet (2 edicións)
- Formación homologada: Manexo de maquinaria (carretilla elevadora, retráctil, etc.)...
- Formación específica para o emprego: Operacións auxiliares de almacén e Operacións auxiliares de comercio .

Manexo de maquinaria

Coaching e técnicas de motivación

Elaboración de CV


- Prácticas Non Laborais: Prácticas en empresas e centros de traballo como complemento dos cursos de formación específica. Neste mes están a realizar as prácticas correspondentes aos cursos de Almacén e Comercio un total de 14 alumnos distribuídos en 12 empresas.
- Autoemprego: asesoramento e formación para o autoemprego.
- Prospección de empresas, para detectar sectores e empresas con potenciais necesidades de contratación de perfiles profesionais incluídos entre os participantes do Programa.
- Intermediación laboral, entre as empresas e os participantes.

Como novidade nesta edición, estamos a poñer en marcha unha plataforma de formación on line, o que permitirá a partires do mes de xaneiro a realización de cursos de moi diversa temática.
A formación on line incorpórase cun dobre obxectivo: por unha banda, para potenciar a inmersión dos participantes nas novas tecnoloxías. E por outra, para facilitar a realización de actividades, en particular aos alumnos que presentan problemas de horarios para a asistencia presencial (problemas de conciliación, razóns de saúde, etc.)

Próximamente avanzaremos as actividades previstas para os primeiros meses de 2017

luns, 6 de xuño de 2016

Visita didáctica á Plataforma Loxística Sanitaria de Galicia (Servicio Móvil)

Continuamos coa actividade (cursos, prácticas, titorías...) e nesta fase, de cara aos últimos meses, intensificamos o contacto coas empresas ("prospección") para establecer liñas de colaboración que podan facilitar a inserción laboral dos participantes.

En relación coa "Prospección de empresas" e a "Intermediación laboral", asinamos convenios de colaboración entre o Programa e empresas da nosa contorna, para a realización de determinadas actividades conxuntas.

Unha das empresas que ven colaborando co Programa Integrado nesta edición e anteriores é Servicio Móvil, que xestiona a distribución de materiais sanitarios para os hospitais e centros de saúde do Sergas para toda Galicia. Conta cunha plataforma loxística central en Negreira, moi preto de Ames e Brión. No convenio de colaboración asinado inclúense diferentes actividades, como por exemplo:

- Preselección de CV.

- Charlas-presentación.

- Visitas didácticas.

- Realización de Prácticas Non Laborais.

En edicións anteriores do Programa, realizáronse xa estas actividades, e algún dos participantes conseguiu a inserción laboral na empresa.

VISITA DO 27 DE MAIO

Continuando neste marco de colaboración, o pasado venres 27 de maio, realizouse unha visita didáctica ás instalacións de Negreira por parte dun grupo de alumnos e os técnicos do Programa.
A presentación levouse a cabo por parte do Director da plataforma loxística, Eugenio Rossignoli, o Director procesos externos, Gonzalo Folgueira, e o Director de procesos internos, José Ramón Rendo.



A visita estruturouse en 3 partes:


o Presentación da Plataforma Loxística Sanitaria de Galicia - Os responsables da planta explicaron o proxecto e actividade da empresa, en particular o proxecto co Sergas.

 
 o Visita ao Almacén Central – Os participantes tiveron ocasión de realizar un percorrido por todas as seccións da Plataforma, asistindo ás explicacións dos responsables e comprobando en primeira persoa a actividade e as distintas tarefas e postos de traballo. Tamén observaron os sistemas robotizados de manexo de materiais, e a maquinaria e vehículos que se utilizan no interior da Plataforma.

 
 
 
o Coloquio: “Perfil adecuado para conseguir un primeiro emprego no sector loxístico” - Por último, estableceuse un coloquio entre os alumnos e os responsables de Servicio Móvil, no que estes explicaron os perfiles que se precisan nunha planta loxística de estas características, cómo se leva a cabo o proceso de selección e tamén respostaron ás cuestións que lles plantexaron os alumnos.