xoves, 15 de decembro de 2016

Resumo de actividade do 2016

Como xa fumos contando, dende o pasado 1 de setembro estamos a levar a cabo a IX edición do Programa Integrado para o Emprego “Inserames Brión”. Nesta ocasión aténdese a SESENTA participantes dos concellos de Ames e Brión, desempregados e menores de 30 anos.
Neste mes de decembro, están rematando as actividades correspondentes ao período de 2016, iniciadas no pasado mes de setembro.
A partires de xaneiro de 2017 e ata o 31/08/17 (data de finalización do Programa), continuarase traballando cos participantes no seu Itinerario Personalizado de Emprego.

O obxectivo principal do Programa é a inserción laboral dos participantes ou, cando menos, mellorar a súa empregabilidade, a través da realización de diversos tipos de accións, adaptando o seu “itinerario” en función do seu perfil individual e as súas expectativas. O Programa parte cun obxectivo de inserción do 40% sobre o total dos participantes.
Neste momento, 17 participantes xa tiveron contratos por conta allea, dos cales 15 seguen traballando. Ademáis houbo 1 alta no réxime especial de traballadores autónomos. Polo tanto, na data de hoxe a porcentaxe de inserción acada xa o 27%.
Estas cifras, aínda que referidas tan só aos primeiros 3 meses de actividade, reflicten o potencial do Programa como ferramenta para axudar a atopar traballo aos participantes no mesmo, cunha combinación de actividades que se amosan como efectivas no seu itinerario personalizado de inserción. O deseño individualizado do itinerario de cada alumno e o seguimento e adaptación permanente fan que se incrementen considerablemente as posibilidades de atopar emprego.

As actividades que se están a levar a cabo nestes primeiros meses son:
- Titorías individuais: Asesoramento para a procura de emprego
- Formación transversal: Inglés básico, Comunicación e habilidades sociais. Coaching e técnicas de motivación para a busca de emprego, Elaboración do CV e procura de emprego por Internet (2 edicións)
- Formación homologada: Manexo de maquinaria (carretilla elevadora, retráctil, etc.)...
Formación específica para o emprego: Operacións auxiliares de almacén e Operacións auxiliares de comercio .

Manexo de maquinaria

Coaching e técnicas de motivación

Elaboración de CV


- Prácticas Non Laborais: Prácticas en empresas e centros de traballo como complemento dos cursos de formación específica. Neste mes están a realizar as prácticas correspondentes aos cursos de Almacén e Comercio un total de 14 alumnos distribuídos en 12 empresas.
- Autoemprego: asesoramento e formación para o autoemprego.
- Prospección de empresas, para detectar sectores e empresas con potenciais necesidades de contratación de perfiles profesionais incluídos entre os participantes do Programa.
- Intermediación laboral, entre as empresas e os participantes.

Como novidade nesta edición, estamos a poñer en marcha unha plataforma de formación on line, o que permitirá a partires do mes de xaneiro a realización de cursos de moi diversa temática.
A formación on line incorpórase cun dobre obxectivo: por unha banda, para potenciar a inmersión dos participantes nas novas tecnoloxías. E por outra, para facilitar a realización de actividades, en particular aos alumnos que presentan problemas de horarios para a asistencia presencial (problemas de conciliación, razóns de saúde, etc.)

Próximamente avanzaremos as actividades previstas para os primeiros meses de 2017

luns, 7 de novembro de 2016

Formación prevista 2016

A formación que se vai impartir no Programa Integrado divídese en dous períodos: o primeiro vai dende o mes de outubro ata o final de 2016. O segundo irá dende xaneiro de 2017 ata xuño aproximadamente.

No primeiro bloque a desenvolver ne novembro e decembro de 2016, haberá algo de todo: formación para a procura de emprego, formación transversal e formación específica.
 
Xa impartimos os primeiros obradoiros, relativos á "Elaboración de CV e busca de emprego por Internet". Foron dúas edicións, de 4 horas de duración cada unha, no que se traballou cos participantes na aula informática e de xeito práctico: cómo elaborar o cv e a carta de presentación, o envío por correo electrónico, alta en portais de emprego, inscrición en ofertas de emprego, etc.
Ao longo destes dous meses tamén levaremos a cabo obradoiros de "Entrevistas de traballo e procesos de selección" e de "Marca persoal. Uso das redes sociais para a procura de emprego"
 
Na 2ª quicena do mes de novembro iniciaremos os seguintes cursos específicos:
 
  •  "Operacións auxiliares de almacén", de 80 horas e 60 horas de prácticas non laborais.
  •  "Operacións auxiliares de comercio", de 70 horas e 60 horas de prácticas non laborais.
  •  "Operario de maquinaria: carretilla elevadora+traspaleta+retráctil", de 25 horas e homologado.
 
Así mesmo, impartirase a seguinte formación transversal:
 
  • "Comunicación e habilidades sociais. Coaching e técnicas de motivación para a busca de emprego", de 25 horas.
  • "Inglés básico", de 40 horas.
 
Por último, porase en marcha unha plataforma de teleformación na que haberá unha variada oferta de cursos, nos que os participantes poderán inscribirse e realizalos dende a súas casas, coa flexibilidade de horarios que permite esta modalidade (PRL, Manipulador de alimentos, Idiomas, Informática, etc.).
 
 

martes, 18 de outubro de 2016

Inicio da nova edición do Programa Inserames-Brión

Comeza unha nova edición do Programa Integrado Inserames-Brión. Xa imos polo IX Programa, e nesta ocasión volve a ter unha duración de 12 meses, dende o pasado 1 de setembro ata o 31 de agosto de 2017.

O Programa segue a ser unha iniciativa conxunta dos Concellos de Ames e Brión ao abeiro da ORDE do 30 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017 (DOGA de 30 de decembro de 2015).

Ao longo do pasado mes de setembro estivemos completando o proceso de selección dos 60 participantes no Programa, cos candidatos remitidos pola oficina de emprego. Os requisitos que deben cumprir nesta edición son: estar inscritos como demandantes de emprego e ser menores de 30 anos. Ademáis, o 80% deberán ter unha formación rematada máxima de Bacharelato, mentres que as restantes prazas poden estar cubertas por participantes con calquera titulación.

Ao mesmo tempo iniciamos a primeira rolda de titorías de orientación (entrevistas de acollida e diagnóstico) , na que imos coñecendo aos participantes, o seu perfil formativo e profesional, as súas expectativas, e establecendo dacordo con cada un, os primeiros pasos a dar no seu itinerario de inserción.
O obxectivo prioritario do Programa Integrado é que, co desenvolvemento das diferentes actividades que cada participante acorde realizar cos titores, mellore a súa empregabilidade para acadar un posto traballo o antes posible.

Accións a desenvolver

venres, 30 de setembro de 2016

Finalización do Programa Inserames-Brión VIII

O pasado 31 de agosto rematou o período de desenvolvemento do Programa Integrado Inserames-Brión VIII, que deu inicio o 1 de setembro de 2015.
 
Ao longo do Programa, como xa fumos contando, desenvolvéronse diferentes accións co obxectivo último da inserción laboral dos participantes, o que se conseguiu por riba do obxectivo fixado inicialmente que era do 40% dos participantes, chegando prácticamente ao 50 %.
 
As accións realizadas foron: titorías individuais, cursos (formación específica, transversal, para o emprego, homologada, de competencias básicas, etc.), prácticas non laborais, intermediación laboral e prospección de empresas, asesoramento para o autoemprego, etc.
A continuación deixamos algunhas cifras relativas ós participantes e a actividade levada a cabo:

 
DATOS INSERAMES-BRIÓN VIII
Nº PARTICIPANTES ATENDIDOS
92
CURSOS REALIZADOS
26
PARTICIPANTES FORMADOS NO TOTAL DE CURSOS
299
TITORÍAS INDIVIDUAIS
342
CURSOS CON PNL
6
PRÁCTICAS NON LABORAIS REALIZADAS
63
CONVENIOS PRÁCTICAS ASINADOS
23
Nº DE CONTRATOS
70
INSERCIÓNS DE 3 MESES OU MAIS
39

 
Como se pode observar a través destes datos, o Programa consolídase unha edición máis como unha valiosa ferramenta para axudar na procura de emprego a algúns dos colectivos máis castigados polo desemprego nos concellos de Ames e Brión, e nesta edición en particular, a menores de 30 anos con cualificación máxima de Bacharelato.
 
A realización de prácticas non laborais volveu a ser nesta edición unha ferramenta moi efectiva para a posterior inserción, ao permitirlle ás empresas avaliar aos candidatos no propio posto de traballo, para contar con persoal formado e xa coñecido no momento que teñan necesidade de cobertura de postos. Realizánse un total de 12 contratos derivados da realización das prácticas.
 
Hai que mencionar tamén a importancia no caso dalgúns participantes, do asesoramento e acompañamento en procesos de homologacións, acreditacións, etc, como por exemplo:
 
- Asesoramento e formación en Competencias Clave e no proceso de inscrición nas probas oficiais.
- Asesoramento, xestión e acompañamento no proceso de Acreditación da Experiencia Profesional convocado pola Xunta.
- Asesoramento e redireccionamento para procesos de formación regrada: ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos..., tanto para a inscrición para a súa realización como para as probas correspondentes.
- Preselección de candidatos para a realización de programas de Formación Dual.
 
Co Programa rematado, os Currículums dos participantes debidamente actualizados, permanecen na base de datos, o que permite darlle uha continuidade ao servizo no caso de que xurdan posibilidades de emprego acordes ao seu perfil.
 
E este ano, xa sen pausa, deu comezo o Inserames-Brión IX o día 1 de setembro...Seguimos traballando!!

luns, 6 de xuño de 2016

Visita didáctica á Plataforma Loxística Sanitaria de Galicia (Servicio Móvil)

Continuamos coa actividade (cursos, prácticas, titorías...) e nesta fase, de cara aos últimos meses, intensificamos o contacto coas empresas ("prospección") para establecer liñas de colaboración que podan facilitar a inserción laboral dos participantes.

En relación coa "Prospección de empresas" e a "Intermediación laboral", asinamos convenios de colaboración entre o Programa e empresas da nosa contorna, para a realización de determinadas actividades conxuntas.

Unha das empresas que ven colaborando co Programa Integrado nesta edición e anteriores é Servicio Móvil, que xestiona a distribución de materiais sanitarios para os hospitais e centros de saúde do Sergas para toda Galicia. Conta cunha plataforma loxística central en Negreira, moi preto de Ames e Brión. No convenio de colaboración asinado inclúense diferentes actividades, como por exemplo:

- Preselección de CV.

- Charlas-presentación.

- Visitas didácticas.

- Realización de Prácticas Non Laborais.

En edicións anteriores do Programa, realizáronse xa estas actividades, e algún dos participantes conseguiu a inserción laboral na empresa.

VISITA DO 27 DE MAIO

Continuando neste marco de colaboración, o pasado venres 27 de maio, realizouse unha visita didáctica ás instalacións de Negreira por parte dun grupo de alumnos e os técnicos do Programa.
A presentación levouse a cabo por parte do Director da plataforma loxística, Eugenio Rossignoli, o Director procesos externos, Gonzalo Folgueira, e o Director de procesos internos, José Ramón Rendo.



A visita estruturouse en 3 partes:


o Presentación da Plataforma Loxística Sanitaria de Galicia - Os responsables da planta explicaron o proxecto e actividade da empresa, en particular o proxecto co Sergas.

 
 o Visita ao Almacén Central – Os participantes tiveron ocasión de realizar un percorrido por todas as seccións da Plataforma, asistindo ás explicacións dos responsables e comprobando en primeira persoa a actividade e as distintas tarefas e postos de traballo. Tamén observaron os sistemas robotizados de manexo de materiais, e a maquinaria e vehículos que se utilizan no interior da Plataforma.

 
 
 
o Coloquio: “Perfil adecuado para conseguir un primeiro emprego no sector loxístico” - Por último, estableceuse un coloquio entre os alumnos e os responsables de Servicio Móvil, no que estes explicaron os perfiles que se precisan nunha planta loxística de estas características, cómo se leva a cabo o proceso de selección e tamén respostaron ás cuestións que lles plantexaron os alumnos.