mércores, 10 de abril de 2019

Axudas para a contratación e formación das persoas mozas- Programa Emprega Xuventude

Programa Emprega Xuventude (Orde de 26 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación de persoas mozas, e se procede a súa convocatoria para o ano 2019 - DOG nº 69 del 9 de abril de 2019).
 
A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca o programa Emprega Xuventude a prol da contratación e formación das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.

Entidades beneficiarias:
Empresas, persoas contratadoras de calquera forma xurícia que adopten, incluídas as persoas autónomas, sociedades civís e comunidades de bens, que contraten traballadores/as por conta allea para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

As empresas ou as persoas empregadoras terán dúas posibilidades de obter axudas compatibles para a contratación e formación por conta allea:
 
a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para os contratos cunha duración mínima de doce meses das persoas desempregadas mozas menores de 30 anos. (Contratación indefinida inicial ou contratación temporal)

b) Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Contía dos incentivos: 
- contratacións indefinidas inciais: 6.000 euros por cada persoa desempregada menor de 30 anos contratada.
- contratacións temporais cunha duración mínima inicial de 12 meses: 3.000 euros por cada persoa desempregada menor de 30 anos
Estas contías incrementaranse nun 25% si a empresa ten máis de 50 persoas traballadoras e unha tasa de estabilidade superior ao 70% e si a actividade da entidade pertence ao ámbito de sectores estratéxicos. 


O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas estará aberto ata o 30 de setembro de 2019.
- As solicitudes de axudas polas contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e a data da publicación destas axudas deberán presentarse antes do 10 de xuño de 2019.
- As solicitudes das axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola que se solicita subvención.

As solicitudes están dispoñibles en https://sede.xunta.gal co código TR349T
Máis información no DOG do 9 de abril de 2019 e en http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-conselleria

luns, 28 de xaneiro de 2019

INICIO DO PROGRAMA INTEGRADO "INSERAMES-BRIÓN XI"

O pasado 1 de novembro de 2018 deu comezo oficialmente o Programa Integrado Inserames-Brión XI. 

Terá unha duración de 12 meses, finalizando o 31 de outubro de 2019.

Seguindo a liña habitual de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión en materia de emprego, o Programa constitúe un referente nos últimos anos, acadando resultados de inserción sempre por riba dos obxectivos marcados pola normativa. É por iso, que os dous concellos volven a apostar pola presentación e execución conxunta do proxecto, ao abeiro da ORDE do 31 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2018. (DOG de 21 de xuño de 2018).

PARTICIPANTES
Nos meses de novembro e decembro estivemos levando a cabo o proceso de selección cos candidatos remitidos pola oficina de emprego, dos 100 participantes que se van a atender nesta edición, o que supón un incremento en 15 persoas respecto á edición anterior. Os requisitos que deben cumprir son: estar inscritos como demandantes de emprego e ser menores de 30 anos. Ademáis, o 75% deberán ter unha formación rematada máxima de Bacharelato, mentres que as restantes prazas poden estar cubertas por participantes con calquera titulación.

O obxectivo prioritario do Programa Integrado é que, co desenvolvemento das diferentes actividades que cada participante acorde realizar cos titores, mellore a súa empregabilidade para acadar un posto traballo o antes posible.

ACTIVIDADES
No mes de xaneiro de 2019 estamos facendo a primeira rolda de titorías de orientación (entrevistas de acollida e diagnóstico), na que imos coñecendo aos participantes, o seu perfil formativo e profesional, as súas expectativas, e establecendo dacordo con cada un, os primeiros pasos a dar no seu itinerario de inserción.

No próximo mes de febreiro, darán comezo os primeiros obradoiros de procura activa de emprego: Elaboración de CV  e busca de emprero por Internet, Entrevistas de traballo e procesos de selección e Competencias e habilidades para a procura de emprego.

As actividades a desenvolver no Programa son as seguintes:
  • Información, orientación e asesoramento
  • Titorías individuais para levar a cabo o Itinerario Personalizado de Inserción de cada participante, e dicir, asesoramento e acompañamento permanente no proceso de procura de emprego. 
  • Formación transversal – Novas tecnoloxías, idiomas, prevención de riscos, manipulador de alimentos, obradoiros para a busca activa de emprego, etc. 
  • Formación en habilidades sociais e coaching e motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea. 
  • Obradoiros de habilidades sociolaborais e de entrevistas
  • Fomento da capacidade emprendedora. 
  • Prospección empresarial. 
  • Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes
  • Formación para o emprego. 
  • Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas. 
  • Obradoiros sobre mobilidade laboral. 

Próximamente, informaremos das datas e horarios das primeiras actividades (obradoiros de procura de emprego, formación transversal...).

Empezamos...!!!