Neste mes de outubro demos comezo no Programa Integrado a formación para o emprego correspondente a 2015.
Xa se impartiron obradoiros transversais dunha xornada e deron comezo tamén cursos profesionais, que incorporan prácticas non laborais.

Os obradoiros impartidos ata o de agora foron o de "Elaboración de CV. A procura de emprego por Internet" e o de "A entrevista de traballo. Os procesos de selección". Cada un deles desenvolveuse durante unha mañá, cunha duración de 5 horas.
Nos dous obradoiros traballouse cunha metodoloxía de carácter moi práctico, facilitando aos participantes os conceptos básicos imprescindibles, para a continuación facer exercicios, simulacións, supostos, etc.
A asistencia foi de 12 alumnos/as no de "Entrevistas de traballo" e de 15 no de "Elaboración de CV".
Con estes obradoiros preténdese que os participantes traballen as súas capacidades de cara ao seu propio proceso de procura de emprego; coméntanse procesos de selección reais, trabállase o CV, a carta de presentación, a forma de remitilos, danse de alta en portais de emprego, en bolsas de traballo, inscríbense en ofertas...en definitiva, practican sobre situacións reais do proceso de procura de emprego.
![]() |
Obradoiro de entrevistas de traballo e procesos de selección |
Ademáis impartiuse o curso de "Manipulador de alimentos", de 5 horas de duración, homologado para obter a acreditación correspondente. Neste curso participaron 14 alumnos/as.
Formación específica
Por outra banda, deron comezo os dous primeiros cursos de formación específica, orientada á capacitación para desenvolver postos de traballo concretos.
O pasado mércores 21/10 deu comezo o curso de "Operacións auxiliares de almacén", no que participan 18 alumnos/as. O curso ten unha duración de 120 horas de formación e 80 horas de prácticas non laborais en centros de traballo.
![]() |
Curso de "Operacións auxiliares de almacén" |
E o luns 26/10 iniciouse o curso de "Operacións auxiliares de comercio", tamén con 18 alumnos/as. A duración é de 70 horas de formación e 60 de prácticas non laborais.
Este curso incorpora un módulo de "Manipulador de alimentos", de 5 horas de duración, que acredita como tal aos alumnos/as que o aproben.
Dentro da formación prevista para os meses restantes de 2015, quedan pendentes de inicio os seguintes cursos:
- "Marca persoal. Uso das redes sociais para a procura de emprego (5 horas)".
- "Comunicación e habilidades sociais. Coaching e técnicas de motivación para a busca de emprego (20 horas)".
- "Técnicas básicas de produción téxtil: ensamblaxe de prendas de vestir (200 horas + 100 horas pnl)".
- "Manipulador de alimentos (5 horas)".
- "Prevención de Riscos Laborais. Nivel Básico (Formación mixta (distancia-presencial) 60 horas)".
- "Inglés básico (40 horas)".
Ademáis da formación continuamos coas titorías individuais, intermediación, e as restantes actividades do Programa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario